O alumnado de infantil do CEIP San Martiño de "peregrinación"
Por Oskar Viéitez
Sentirse como uns auténticos peregrinos, iso conseguiu o alumnado de Educación Infantil do CEIP San Martiño que percorreu a pé máis dun quilómetro, desde o parque de Campolongo ata o Albergue.
Comezaron cunha merenda sa que lles permitiu gozar do novo parque, que parte do alumnado xa coñecía.
Collidas as forzas emprenderon a camiñada da man das súas respectivas parellas atendendo a todo o que ían descubrindo: o río Gafos, fentos da época dos dinosauros, pontes, túneles, entre outros detalles.
Non foi exactamente unha etapa do Camiño, pero como levan todo o curso traballando na ruta xacobea, o que pretendían as profesoras era experimentar as sensacións dos peregrinos: o cansazo, os descubrimentos e a emoción do fin da etapa coa chegada ao albergue.
Ao chegar á meta foron recibidos por Tino Lores, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, que xunto coa hospitalera inscribíronlles no rexistro, selaron as súas orixinais credenciais, mostráronlles as instalacións e, como finalizaron tan esgotados e cansadiñas, deixáronlles deitarse un ratito nas liteiras.