Demandan iluminación na senda peonil de Bagüín
Por Redacción
A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, trasladou no Pleno da Corporación municipal unha queixa de varias persoas, usuarias da senda peonil paralela á PO-551 que vai desde Bagüín ao matadoiro de Mogor, que reclaman unha maior iluminación na zona.
A xa candidata á alcaldía polo BNG de Marín nas vindeiras eleccións municipais de maio dixo que "cando se mete o sol, a visibilidade resulta nula neste tramo, sendo imposible ver nin tan sequera onde se pisa".
Os farois están colocados na outra beira da estrada e non iluminan o camiño. O Bloque solicitou a colocación dalgún tipo de iluminación ou reflectantes en dita senda que permitan ás persoas que camiñan por ela facelo con visibilidade, e polo tanto con seguridade.
Engaden que, por outra banda, "unha correcta iluminación fomentaría o exercicio físico e os hábitos saudábeis da veciñanza, posto que ao reunir unhas condicións mínimas de visibilidade e seguridade sería, con certeza, máis empregada".