Ceos despexados e temperaturas altas ata o luns
Por Redacción
Ata o vindeiro luns 25 de febreiro estarán os ceos despexados nas Rías Baixas. Así o indica a previsión de MeteoGalicia.
O máis salientable este xoves, é que as altas presións localizadas sobre Francia e as baixas ao norte dos Azores deixarán un "corredor de isóbaras" que achegará ventos do sur. Deste xeito os ceos presentarán nubes de tipo alto que non impedirán o paso do sol ao longo do día. As temperaturas quedarán en lixeiro ascenso, sendo máis destacado nas mínimas. Os ventos soprarán de compoñente sur, con intervalos fortes no litoral atlántico e nas zonas altas do interior.
O venres, este "corredor de isóbaras" intensifícase e achegaranos ventos cálidos do sur que soprarán moderados. Con isto, agárdase unha xornada de tempo seco e de ceos con nubes de tipo alto. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, rexistrándose valores altos para a época do ano.
Xa para o sábado Galicia estará nunha situación intermedia entre un anticiclón situado sobre Polonia e unha profunda borrasca ao norte das Azores. Deste xeito, teremos un día de ceos con nubes de tipo medio e alto, con ceos máis cubertos no litoral atlántico ao longo do día. As temperaturas non experimentarán cambios significativos, nas Rías Baixas. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
A partir do domingo Galicia continuará na influencia das altas presións con ventos de compoñente sur, polo que permanecerá o tempo seco e con temperaturas altas para a época do ano.