Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres de toda sospeita polo alixo do Titán Terceiro
Por Redacción
O histórico narcotraficante arousán Manuel Charlín Gama e o seu fillo Melchor Charlín Pomares, detidos o pasado verán no marco do macro operativo da Policía Nacional que acabou coa intervención dun alixo de cocaína do Titán Tercero, quedaron finalmente fóra desta causa xudicial e libres de toda sospeita.
Así transcendeu este mércores, pois o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou que o Xulgado de Instrución número 4 de Vigo acaba de finalizar a investigación sobre a presunta organización delituosa con 21 persoas como investigadas. Entre elas, non están nin Charlin nin o seu fillo.
Esta organización é sospeitosa de tentar introducir en agosto de 2018 en Galicia 1.700 quilos de cocaína valorados en 59,2 millóns de euros que viaxaban no remolcador Titán Terceiro, apresado en alta mar, entre Funchal e Azores.
O maxistrado indica no auto que, tras a investigación realizada, resulta "indiciariamente acreditada" a existencia de "varias organizacións criminais, interrelacionadas entre si", cuxa finalidade sería "a de ser auténticas prestadoras de servizos para outras organizacións criminais e/ou grupos criminais cos que negocian os seus fins tácticos e estratéxicos".
O instrutor subliña que "todo iso" estaba dirixido a "realizar unha ou varias operacións de tráfico de drogas cara á Península Ibérica, unha das cales foi abortada no curso desta instrución xudicial".
O xuíz acordou que a causa se siga contra 21 persoas das 30 que foron investigadas por se os feitos que lles imputan fosen constitutivos dun delito de tráfico de drogas en cantidade de notoria importancia e doutro delito de organización criminal xerarquizada.
Ademais, o auto indica que tomará declaración indagatoria aos 21 sospeitosos o próximo 25 de abril e requírelles para que presten de forma conxunta unha fianza de 59,2 millóns para asegurar as responsabilidades económicas que se lles puidesen impoñer, co apercibimiento de que de non prestala embargaránselles bens en cantidade suficiente para asegurar a suma sinalada.
O maxistrado tamén ratifica no auto a prisión provisional de sete dos sospeitosos.
Relacionadas:
-
Falece na súa casa aos 89 anos Manuel Charlín, patriarca do clan arousán
Por Redacción |
-
Piden a nulidade do xuízo do "Titán III" por irregularidades na investigación
Por Alejandro Espiño |
-
As restricións sanitarias trasladan a Pontevedra un xuízo por narcotráfico con 21 acusados
Por Oskar Viéitez |
-
Manuel Charlín implicado nun accidente cando conducía sen puntos
Por Redacción |
-
Pazo Baión, Vista Real, Casa Jaureguízar... De símbolo do poder dos 'narcos' a estar ao servizo do pobo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O ocaso dos vellos narcos: caen Sito Miñanco, Manuel Charlín e Tania Varela
Por Natalia Puga |
-
Manuel Charlín ataca un equipo de televisión en Vilanova: "Te jodo el pescuezo"
Por Natalia Puga |
-
Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres, pero coa obriga de ir ao xulgado cada 15 días
Por Natalia Puga |
-
Elevan a 26 os detidos na rede de narcos na que caeron Charlín e o seu fillo Melchor
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Detidos Manuel Charlín e o seu fillo Melchor nun macro operativo antidroga
Por Natalia Puga | Creada e actualizada