Un home sorprendido dentro da antiga sede da Xunta alega que entrou para drogarse, non para roubar
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra xulgou este mércores a Urbano A.M., un home acusado de intento de roubo tras ser sorprendido pola Policía Nacional dentro do edificio da antiga sede da Xunta en Benito Corbal que, na súa defensa, alega que accedeu ao inmoble en obras para consumir drogas, non para roubar nada.
O xuízo celebrouse nos xulgados da Parda a pesar de que o acusado non se presentou. O fiscal argumentou que o home fora debidamente citado e que xa no seu día se lle advertíu de que a vista oral poderíase celebrar igualmente sen el e a avogada da defensa non se opuxo, de modo que a xuíza acordou que se practicase toda a proba aínda a pesar de que o principal implicado non podería declarar.
A acusación susténtase fundamentalmente no testemuño dos dous axentes da Policía Nacional que o 20 de maio de 2018 detiveron a Urbano A.M. Un deles compareceu como testemuña no xuízo este mércores e explicou que un veciño alertou á Comisaría de que vira a unha persoa acceder ao antigo edificio da Xunta, de modo que el e o seu compañeiro dirixíronse ao lugar.
Á súa chegada, escoitaron ruídos no interior que se correspondían con "golpes metálicos", "como que golpeaban o arrastraban algo". Percibíronos con claridade porque eran as tres e cuarto da tarde dun domingo e "no había ruido en la calle", de modo que decidiron entrar.
Para acceder ao edificio a única forma posible era saltar un valo de obra duns dous metros e logo rubir por unha porta lateral de servizo e coarse por un oco situado sobre ela. Unha vez dentro, atoparon nun lateral, ao fondo, ao agora acusado tombado sobre unha chea de material acumulado, "haciéndose el dormido".
O policía interpreta que sentiu entrar e fíxose o durmido para disimular e que el mesmo acumulara alí todo aquel material, fundamentalmente, cables de cobre ou plafones, para levalos. Igual conclusión sostena o fiscal do caso, Alejandro Tuero, que cre que a conclusión clara do ocorrido é que "el acceso fue por ánimo de lucro".
O acusado non puido dar a súa versión dos feitos, pero a súa avogada fixo referencia á súa declaración realizada durante a fase de instrución da causa, na que explicou que entrou para consumir estupefacientes sen ser visto e, cando escoitou á policía, asustouse e escondeuse entre unha chea de cables. Ademais, engadiu que non saltou o valo, senón que se coou entre o valo e un contedor de obra.
A avogada defensora pediu a súa libre absolución, pois si se demostrou que estaba dentro do edificio, pero non quedou acreditado que entrase para roubar nin que o fixese á forza. Con todo, o fiscal pide a súa condena a oito meses de prisión por un delito de roubo con forza en grao de tentativa, ao considerar que "no existe duda" de que entrou á forza para roubar.
Respecto diso, argumentou que hai "indicios claros" e que"no existe ningún otro motivo que justifique hacer ese tipo de esfuerzo simplemente para entrar allí", podendo estar noutro lugar sen necesidade de saltar un valo e rubir unha porta nin de manipular materiais no interior.