Piden á Xunta o arranxo do centro de menores Avelino Montero
Por Redacción
A deputada pontevedresa, Patricia Vilán, presentou este mércores en Comisión Parlamentaria unha Proposición non de Lei para solucionar a situación de "abandono e desleixo" ao que está sometido o Centro de Reforma de Menores Avelino Montero de Pontevedra.
A iniciativa solicitaba un "saneamento integral" do mesmo así como á dotación ao centro de polo menos unha persoa especializada en Enfermaría que poida atender de forma urxente aos rapaces e rapazas do centro.
A parlamentaria socialista denunciou así as malas condicións nas que se atopa un centro na que ense notificado que "chove" dentro dos despachos dos educadores e nos corredores, problemas graves de humidades ou os olores fecais nos pavillóns. A situación chegou ao punto de notificarse un brote de sarna que chegou a afectar a polo menos 2 rapaces e 1 traballador.
Vilán falou de que as obras de acondicionamento do centro son pouco efectivas, pois non solucionan os problemas. Comentou por exemplo que para solucionar o problema de humidades fixéronse buratos nas paredes para que puidera correr así o aire e desconxestionar a habitación, aínda que isto provocou tamén que entrase o frío do exterior, situación agravada porque a caldeira está avariada.
A iniciativa solicitaba persoal de enfermaría pois os educadores non poden darlle aos rapaces "nin un Nolotil", tendo que trasladarse a un centro de saúde en caso de urxencia, o cal supón un tempo importante. Moitos dos rapaces que chegan ao centro son especialmente sensibles a sufrir crises que poñen en perigo a súa saúde e física e para a que precisan de ser atendidos de urxencia.
A responsable socialista rematou recordando que este tipo de centros teñen o obxectivo fundamental de reeducar a estes rapaces, e que merecen unha infraestrutura que non poña en perigo o seu benestar físico.
UN PLAN DA XUNTA
A portavoz de Servizos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, lembrou que no Centro Avelino Montero xa se levaron a cabo entre outras actuacións a renovación das 41 fiestras, a instalación dunha nova caldeira, o equipamento da lavandería, o ximnasio e a renovación do mobiliario nas zonas comúns. "Actualmente existe un plan de actuación para a reforma do centro, co obxectivo de paliar os deterioros que presenta polo paso do tempo" e que, segundo apuntou, consisten no arranxo dos problemas de humidade, a reforma dos baños, a instalación de fontanería e o arranxo das habitacións.
Na súa intervención, a portavoz popular subliñou que a Xunta está a desenvolver un plan de melloras da rede de centros de protección de menores, cun investimento de 3,6 millóns de euros, dos que máis de dous millóns destinaranse a diferentes obras de renovación nos catro centros de titularidade e xestión pública.
Relacionadas:
-
Menores do Avelino Montero necesitan atención médica e policial tras inxerir pastillas e poñerse agresivos
Por Natalia Puga |
-
Catro policías e tres vixiantes para reducir un menor violento no Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Proxectan a reforma integral do Avelino Montero e da residencia de Campolongo
Por Alejandro Espiño |