Pontevedra xa ten o seu propio "Google Street View" para axilizar trámites urbanísticos
Por Alejandro Espiño
Máis de 170.000 imaxes en 360 graos e máis de 4.000 millóns de puntos en 3D. É a inxente cantidade de información que se inclúe na nova ferramenta da que dispón o Concello de Pontevedra. Trátase dun completo mapa topográfico que permitirá, segundo o goberno municipal, axilizar os trámites urbanísticos e administrativos.
Este "mapeo móbil", similar á tecnoloxía que emprega Google Street View, integra diferentes métodos de captura de datos como cámaras de fotos, escáneres laser ou radares, que se sitúan sobre vehículos para rexistrar todas as características dun territorio concreto.
Este traballo foi realizado por Geograma, unha empresa especializada nesta tecnoloxía, coa colaboración da compañía pontevedresa Geomati-K, segundo explicou este mércores a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías.
Mediante este sistema rexistráronse, sinalou a edil, uns 700 quilómetros de vías municipais e púidose medir con "precisión topográfica" toda a superficie do municipio. A partir de agora, os técnicos municipais poderán consultar desde o seu despacho as características de calquera terreo e contar cunha ferramenta "certeira".
O goberno municipal destaca que esta "pioneira" tecnoloxía permitirá axilizar os traballos para inventariar todo o mobiliario urbano, intensificar as inspeccións en cada nivel do municipio, comparar a calidade cartográfica dos mapas existentes ou supervisar o estado actual das fachadas dos inmobles ou das parcelas que hai no territorio urbano.
Os servizos técnicos do Concello dispoñerán inicialmente con cinco licencias deste programa, pero Anabel Gulías reunirase cos colexios profesionais para consultar con eles se consideran que esta ferramenta é útil para o seu traballo diario, para a adquisición de novas licenzas que poidan ser empregadas pola cidadanía.
Gulías reiterou que esta tecnoloxía permitirá dar un "salto cualitativo" na tramitación administrativa dos expedientes e licenzas que se solicitan no Concello.
Relacionadas:
-
Os desafíos e avances na delimitación de propiedades abordaranse nun foro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra ultima o sistema para xeorreferenciar toda a información municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra empeza a actualizar a súa cartografía: terá mapas en 3D e imaxes en 360º
Por Redacción |