Queixas dos veciños de Cuntis polos marcos de delimitación viaria
Por Redacción
O Concello de Cuntis trasladará ao servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra as queixas transmitidas polos veciños de Troáns e, comprobadas polos técnicos municipais, en relación coa colocación dos marcos de delimitación de leiras.
Segundo informou o goberno local, están a colocarse estes marcos na franxa de servidume das estradas municipais e mesmo algún deles na propia calzada ou a tan só a cincuenta centímetros da liña da marxe da vía.
O Concello trasladará por escrito as reclamacións dos veciños e tamén as do propio concello dado que a colocación destes elementos fará imposible a limpeza de cunetas ao atoparse colocados na franxa das devanditas vías.
O Concello solicita á Consellería que inste á empresa responsable dos traballos á retirada dos marcos e a colocación fóra da zona de afección das vías.