Moraña aumenta en case 3.000 horas anuais a atención do Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción
O Concello de Moraña aumentará en 2019 a atención do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Farao, segundo anunciou a alcaldesa Luisa Piñeiro, incorporando 2.844 horas desta prestación (a unha media de 237 horas mensuais) para os usuarios de dependencia.
No marco do proxecto de orzamentos municipais 2019 contémplase unha subida do 21% para esta asistencia, que pasará das 13.356 horas anuais coas que pechou o pasado exercicio ata as 16.200 que se realizarán neste ano.
Este aumento do SAF é o segundo que se aproba en menos de seis meses, tras un incremento de preto do 50% grazas a unha achega da Consellería de Política Social. Así sumaranse 7.200 horas anuais máis neste breve período de tempo.
"Cos dous impulsos que lle demos ao SAF nestes meses poderemos atender a máis de 40 persoas, entre os réximes de dependencia e libre concorrencia, e dispoñeremos dun dos mellores servizos de toda Galicia", defendeu a rexedora municipal.