O Grove programa actos ata o 3 de maio con motivo do Día Internacional das Mulleres
Por Redacción
A escritora Montse Fajardo será a encargada de abrir a programación do Día Internacional das Mulleres no Concello do Grove. Este mércores, a xornalista ofrecerá un obradoiro en que presentará o seu libro 'Invisibles', que ofrece o argumento en que se basa a obra teatral que será representada durante o 22 e o 23 de febreiro na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
Durante o mes de marzo, con motivo das festas de Entroido, van instalarse puntos morados de información nos principais espazos onde se celebran eventos da programación. O Día Internacional das Mulleres farase lectura ao manifesto ante a Casa do Concello a partir das 11.00 horas. E ao día seguinte desenvolverase un obradoiro de creatividade con Maite Campos na antiga Escola infantil do Monte da Vila, entre as 10.00 e as 13.00 horas.
O 10 de marzo será o día dun dos grandes acontecementos do programa grazas á celebración da Gala dos Premios Meca. Será a partir das 19.00 horas na Casa da Cultura e entregaranse tamén os premios do VII Concurso de fotografía da Muller, ademais dos correspondentes galardóns. A andaina tradicional do Día da Muller vai desenvolverse durante o 17 de marzo, ás 11.00 horas.
Está previsto, entre outros actos, un obradoiro de vínculos amorosos entre o 25 e o 27 do mes de marzo, centrado en que as relacións se establezan sobre un bo trato.
En abril haberá un encontro de pandereteiras cos grupos que habitualmente realizan actividades folclóricas na Festa do Marisco e as festas de verán.
E o 3 de maio ás 20.00 horas rematarán as actividades coa presentación no Local Social da Terceira idade a colección 'Feminismo' da Editorial Galaxia na que participan Carme Adán, Inma López Silva, Chris Oliveira e Amada Traba.