Marín creará un portal web e unha 'app' para ofrecer información turística
Por Redacción
Dar información aos turistas e ofrecer asesoramento ao sector. É o obxectivo do portal web e da 'app' que creará o Concello de Marín con cargo a unha subvención correspondente ao grupo GDR Pontevedra-O Morrazo.
O proxecto está valorado en 30.000 euros, segundo trasladou o goberno municipal, que xa se atopa redactando os pregos para contratar estes traballos.
Así, crearase un xestor de contidos e un repositorio común para ambas as plataformas, deseñarase un portal web e a 'app' multiplataforma e habilitarase un banco de imaxes e textos descritivos.
O Concello lembra que, na actualidade, Marín non ten ningunha aplicación para dispositivos móbiles.
Con este investimento búscase obter unha xestión integral dos contidos turísticos, de forma que interactúen cos contidos culturais e eventos que se organicen no municipio e que cando un turista escolla Marín teña á súa disposición toda a información que necesitan.