Rompen o escaparate dunha papelería cunha lastra para roubar varias mochilas
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo durante a fin de semana dous veciños de Pontevedra de 48 e 49 anos como presuntos responsables dun roubo con forza nunha papelería situada entre as rúas Riestra e Gutiérrez Mellado á que lle romperon o escaparate usando unha lastra.
Os dous detidos teñen antecedentes policiais e, trala súa detención como autores dun delito de roubo con forza en establecemento comercial, foron trasladados a dependencias policiais e posteriormente postos a disposición xudicial.
A detención foi posible grazas á colaboración dun cidadán que sobre as 4.15 horas da madrugada do sábado ao domingo viu a dous individuos dentro do citado establecemento. Tras alertar á sala do 091, unha patrulla da Policía Nacional desprazouse ao lugar. Os supostos ladróns xa non estaban, pero si comprobaron que o escaparate do local tiña o cristal fracturado e había unha lastra no interior.
Outra patrulla interceptou a dous individuos que respondían ás características físicas aportadas pola testemuña dos feitos e, cando lle preguntaron polo roubo, responderon usando evasivas e incurriendo en contradicións. De todos os xeitos, tras efectuar unha inspección ocular polas inmediaciones, os axentes atoparon nun portal próximo ao establecemento múltiples obxectos subtraídos no interior do local.
Tras iso, procederon á detención de ambos e trasladaron á Comisaría os obxectos recuperados. Ademais, interviñéronlles unhas tenazas, unha chave inglesa, un desaparafusador e uns alicates.
Segundo explicou un responsable do establecemento, aínda están facendo inventario para determinar exactamente que lles roubaron, pero si teñen constancia de que entre os obxectos que faltan figuran varias mochilas. Unha delas xa a recuperaron, aínda que está "inservible", pois ten manchas de sangue e está rota. As outras, custódiaas a Policía como probas.
Este responsable da papelería indicou que esta é a primeira vez que sofren un roubo destas características neste establecemento, aínda que xa foran vítimas de furtos no pasado.