A Plataforma en defensa da Sanidade Pública en Poio recolle sinaturas de apoio
Por Oskar Viéitez
A Plataforma en defensa da Sanidade Pública en Poio recentemente constituida, e na que participan máis de 16 colectivos, denuncia o abandono na atención sanitaria pública a que ten sometido o Sergas a este Concello e pon en marcha unha campaña informativa e de recollida de sinaturas.
Entre outras queixas citan a existencia de listas de agarda de máis de 15 días para unha consulta co médico de familia, ou os distintos problemas que crea a mobilidade dos profesionais é continua como consecuencia da precariedade laboral.
Esta Plataforma asegura que Poio é o Concello da Área Sanitaria de Pontevedra con menos médicos por habitantes (un por cada 2.150 habitantes) cando a poboación do municipio supera os 17.000 habitantes e no verán chega a duplicarse.
Engaden que as infraestructuras médicas están obsoletas e non reúnen os requisitos básicos para prestar unha atención sanitaria de calidade.
Desde a Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Poio esixen ao Sergas unha resposta ao problema das listas de agarda, a "inmediata" cobertura de todas as vacantes dos profesionais sen cubrir por estar ou ben de baixa, xubilacións e permisos. Tamén reclaman a construcción dun Centro de Saúde dotado de medios materiais e humanos, mantendo os actuais consultorios, de acordo coas necesidades dunha poboación de máis de 17.000 habitantes.