Remata o proceso administrativo de mobilidade interna voluntaria de 472 postos vacantes no CHOP
Por Redacción
A Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de dar por rematado o procedemento administrativo de mobilidade interna voluntaria, tanto no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra como no Hospital do Salnés, mediante o cal se ofertaron un total de 472 e 82 postos de traballo, respectivamente, nas distintas categorías profesionais de persoal sanitario non facultativo e non sanitario.
A meirande parte destes postos atinxiron a diversas categorías de persoal sanitario non facultativo, a maior parte para persoal de enfermeiría. No tocante a persoal non sanitario, o maior volume da oferta concentrouse nas categorías de grupo auxiliar da función administrativa e de celador.
A través deste concurso de traslados internos, os profesionais tiveron a oportunidade de optar, con base no baremo de méritos establecido as unidades/servizos que máis se adecuaban ás súas preferencias.
O baremo deste procedemento de mobilidade interna valora como méritos a propia experiencia profesional do persoal aspirante, así como a súa formación. Cómpre sinalar que, a diferenza de anteriores convocatorias, por primeira vez se levou a cabo tanto a solicitude de participación no mesmo como a baremación correspondente de maneira electrónica, a través do programa FIDES, co cal foron arquivados, actualizados e validados todos os currículos presentados de forma electrónica.
Por outra banda, é destacable o feito de que, pese ao gran volume de solicitudes de participación presentadas na área sanitaria (564 solicitudes) e de méritos baremados ( ao redor de 6.000) , o número de reclamacións presentadas á baremación foi moi escaso, en concreto un 0.8%.
A incorporación aos novos destinos realizarase de forma paulatina para interferir o mínimo posible na actividade asistencial. No caso concreto do Hospital do Salnés, a práctica totalidade dos traslados xa se executaron ao longo da semana pasada.