47 concellos se benefician das axudas da Deputación para financiar actividades, gastos correntes e pagamentos de débedas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar a terceira e última relación de subvencións do Plan Concellos 2019 correspondentes á Liña 2 para amortizacións, pago de débedas, gastos correntes e actividades, por valor de máis de 1,2 millóns de euros.
Este ano se beneficiaron un total de 47 concellos da provincia. "Deste xeito, esta Administración segue garantindo que a maioría dos concellos da provincia poidan sacar adiante os seus proxectos e actividades", explicou a presidenta provincial, Carmela Silva en rolda de prensa.
Na última relación de municipios figuran os de:
- Cuntis, 18.700 euros para actividades deportivas, a Feira Histórica e a elaboración dunha páxina web.
- Marín, 95.000 euros para financiar a VIII Carreira +10, a Festa Corsaria e a I Subida Concello de Marín.
- Poio, 27.194,05 euros para a Festa da Ameixa.
- Vilaboa, 23.889,17 euros para distintas actividades culturais e turísticas.
- O Grove, 64.000 euros para o programa Vellos Tempos, taller de crecemento persoal para a saúde integral, XVII Gala Premios Meca, XXVI Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, VII Concurso de Pintura Ernesto Godoy, Carreira Popular da Festa do Marisco, a liga de fútbol sala municipal e a Gala do Deporte Meco.
- Vilagarcía de Arousa, 36.500 euros para a limpeza da escola municipal de música e das instalacións deportivas, o proxecto Actívate, campamentos medioambientais, o programa de sensibilización e o programa de promoción e formación para a igualdade e a recuperación persoal dende a perspectiva de xénero.
- Vilanova de Arousa, 69.152,74 euros para a Festa do Momo, o servizo de conservación da rede viaria municipal e as Sonatas de Verán.