Interceptan un vehículo que transportaba un sementeiro con 37 plantas de marihuana
Por Redacción
Efectivos da Garda Civil do Posto do Grove investigaron a un veciño de Cambados como suposto autor dun delito contra a saúde pública, na modalidade de cultivo e elaboración de drogas, ao que se lle interviñeron 37 plantas de marihuana e catro sacos de substrato.
O investigado é un veciño de Cambados, A.O.R., de 30 anos, sen antecedentes delituosos relacionado cos estupefacientes.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a incautación produciuse este sábado pola tarde no transcurso dun punto de verificación de vehículos que estaba a realizar en Cambados a patrulla de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil do Grove.
Ao proceder á identificación do condutor e único ocupante dun dos vehículos interceptados no control, a patrulla decatouse do intenso cheiro a marihuana que desprendía o turismo e procedeu á súa minuciosa inspección.
No interior do maleteiro incautouse un sementeiro que contiña 37 plantas de marihuana dispostas para o seu transplante e catro sacos que contiñan 175 quilos de substrato.
A Garda Civil destaca que con esta actuación, enmarcada dentro dos servizos que ten activados para a detección e erradicación de puntos de produción, venda e distribución de substancias estupefacientes, evitouse que as doses que se puidesen obter a raíz do cultivo das plantas de marihuana intervidas, destináronse ao tráfico de drogas (menudeo).
As dilixencias instruídas, xunto coas plantas e o substrato intervido, serán entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Cambados, onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido.