Moraña ultima os Orzamentos 2019 cun "forte investimento social"
Por Redacción
O goberno local de Moraña ten case rematado o seu proxecto de Orzamentos Municipais 2019, que mantén a súa contía en 2,11 millóns de euros e que se caracteriza pola conxelación de todos os impostos locais e o establecemento dunha baixa presión fiscal, a diminución dos gastos de persoal e un forte investimento de carácter social.
Segundo explicou a alcaldesa, Luisa Piñeiro, "quixemos que fora un orzamento sostible e estable para seguir na senda do froitífero ano 2018".
No capítulo de ingresos destaca especialmente o mantemento de todos os tributos municipais, que globalmente suporán uns 900.000 euros e que permiten que a presión fiscal se sitúe na contorna dos 200 euros por habitante ao ano. Ademais, en transferencias correntes recibiranse 1,2 millóns de euros doutras administracións.
Na área de gastos, redúcense os gastos de persoal, en case un 8%, e fíxanse en menos de medio millón de euros, mentres que os gastos en bens e servizos aumentan ata situarse por riba dos 1,4 millóns de euros.
Ademais, o Departamento de Servizos Sociais sosterá un investimento de 242.000 euros e que vén a manterse nos mesmos parámetros que en 2018 despois da suba do 30%, realizada nese exercicio.
Por outra banda, o executivo volveu optar por xestionar de xeito separado o Plan de Investimentos, tal e como decidiu o ano anterior. "A extracción do Plan de Investimentos dos orzamentos foi unha boa idea que imos repetir porque con esa estratexia conseguimos pechar 2018 cunha cifra récord de 2,8 millóns de euros que creo que imos poder repetir ou achegarnos", explicou Luisa Piñeiro.
O Plan de Investimentos 2019 de Moraña rolda xa os 1,2 millóns de euros con 500.000 euros iniciais para melloras viarias en Rebón, Amil, Saiáns, Gargantáns, Laxe, Lamas, San Lourenzo e Cosoirado, 450.000 euros para a remodelación do Campo de Mirallos coa construción de ximnasio e cafetería e outros 200.000 para a rehabilitación do novo Centro Social de Alende.