Investigan o roubo de 500 litros de gasoil do parque de maquinaria de Cuntis
Por Redacción
A Garda Civil e a Policía local de Cuntis investigan un roubo de gasoil nas instalacións do Parque de maquinaria e do Centro de formación ocupacional da Ran.
Segundo informaron fontes oficiais do Concello de Cuntis, o roubo produciuse esta pasada noite nas instalacións do parque de maquinaria onde subtraeron máis de 500 litros de combustible de distintas máquinas.
Tamén romperon unha porta de acceso ás instalacións do centro de formación ocupacional.
A alarma do recinto disparouse ás 3.45 horas da madrugada deste sábado.
Ás instalacións desprazáronse dúas patrullas da Garda Civil para recabar probas nunha inspección minuciosa na que tamén participou a Policía Local.
Están a revisarse as imaxes gravadas polas cámaras de seguridade e tamén se analizan distintos materiais abandonados no lugar dos feitos polos autores deste roubo.