Ingresa no cárcere unha veciña do Vao por un delito de abandono de familia
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio detivo unha veciña do poboado do Vao de Arriba que tiña pendente unha orde de ingreso en prisión por un delito de abandono de familia.
Segundo informan fontes oficiais da Xefatura da Policía Local de Poio, a detención produciuse na mañá do pasado xoves no transcurso dun punto de verificación de persoas que estaba a levar a cabo a patrulla de seguridade cidadá da Policía Local na rúa Domigo Fontán dentro do plan de prevención de delitos do Concello.
Interceptouse no punto de control a M. M. J. de 50 anos, veciña do Vao, sobre a que recaía unha orde de detención e ingreso en prisión ditada por un xulgado do Penal de Pontevedra, para cumprir unha condena de prisión por un delito de abandono de familia.
A detida foi ingresada directamente o mesmo día no Centro Penitenciario da Lama, onde cumprirá a condena que tiña pendente.