Despois de bater o récord histórico de temperatura en febreiro o domingo choverá en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Este sábado nas Rías Baixas continuará con influencia anticiclónica. Así o din os técnicos de MeteoGalicia que xa advirten na súa previsión que para o domingo unha fronte fría chegará a nosa Comunidade, deixando un día de chuvias e descenso da temperatura.
Resulta salientable este descenso da temperatura despois de que a provincia alcanzase os 24,3 graos este xoves o seu récord histórico de temperatura máxima, superando amplamente o maior rexistro previo, cifrado en 22,1 graos. Unha situación anormal en pleno inverno.
O responsable deste subidón foi un sistema de altas presións sobre Europa, xunto á borrasca situada no Atlántico, que fixeron que os ventos do sur leven aire cálido subtropical ata Galicia.
Esta situación anticiclónica vai mudar nos vindeiros días, ao entrar unha borrasca ao longo deste domingo, que traerá choiva, baixada das temperaturas e mesmo neve en cotas a partir dos mil metros.