O xulgado saca a poxa tres solares en Tafisa para reclamar 21 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O Boletín Oficial do Estado deste sábado 16 de febreiro publica o anuncio de poxa xudicial en vía de apremio de tres solares no Concello de Pontevedra.
A cantidade reclamada polo Xulgado de primeira instancia número 2 de Pontevedra é de 21.362.247,15 euros. O acredor é o Banco Bilbao-Vizcaya.
A poxa farase en 3 lotes que se adxudicarán de forma separada.
O valor da poxa no primeiro dos lotes supera os 4 millóns de euros e trátase dunha leira urbana de 1.189 metros cadrados situada nos terreos da antiga fábrica de Tafisa, a denominada unidade de actuación número 7 do Plan Xeral de Ordenación Urbana.
O segundo lote corresponde a unha parcela de 2.925 metros cadrados e está valorada na poxa en máis de 9,6 millóns de euros.
E finalmente, o terceiro dos lotes ten un valor de poxa superior aos 2,9 millóns de euros por un solar de 1.051 metros cadrados nos terreos da antiga fábrica de taboleiros.