O persoal de Montecelo recibe formación para identificar precozmente o enfermo séptico
Por Redacción
O Hospital Montecelo acollía este venres unha sesión clínica sobre o Código Sepse. Trátase dun plan de atención que o SERGAS pon en marcha para identificar precozmente ao enfermo séptico en todos os ámbitos asistenciais mediante unha abordaxe coordinada multidisciplinar e garantir a implantación de forma inmediata de todas as medidas que reducen a mortaldade desta resposta inflamatoria do organismo ante unha infección grave no paciente.
O coordinador en Galicia do Código Sepse e especialista de Medicina Intensiva do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, o doutor Pedro Rascado Sedes, achegaba á profesionais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés información sobre a ferramenta, que marca o proceso de intervención do mesmo xeito que sucede nas atencións ao infarto agudo de miocardio ou ao ictus.
O especialista de área de Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Ignacio Cenoz Osinaga, será o encargado de dirixir un grupo de traballo do Código Sepse para a comarca pontevedresa e do Salnés.
O 061, os médicos dos diferentes dispositivos de atención primaria e persoal médico e de enfermería poderán activar este código. A ferramenta destinarase a aqueles pacientes cunha infección asociada a disfunción orgánica. Segundo o SERGAS, determinar o lactato na primeira hora do diagnóstico e realizar a toma de mostras microbiolóxicas antes do inicio do tratamento antibiótico son pasos fundamentais para frear a infección a tempo.