68 menores pontevedreses padeceron cancro o ano pasado
Por Oskar Viéitez
68 menores pontevedreses padeceron cancro o ano pasado, segundo os datos epidemiolóxicos proporcionados polo Observatorio do Cancro AECC e do Rexistro Nacional de Tumores Infantís (RNTI).
Cada ano, en España, enferman de cancro 1.006 menores con idades comprendidas entre os 0 e os 14 anos. Existe unha predominancia masculina no cancro infantil cun 60% de casos rexistrados en nenos (555) e un 40% en nenas (376).
En conto á incidencia desta enfermidade en menores en función da idade dos pacientes, o 11.4% afecta a nenos de 0-1 ano, o 35.7% dáse entre 1-4 anos, un 28.5% de 5-9 anos e un 24.1% de 10-14 anos. Existe unha prevalencia a 5 anos en cancro infantil de 2.052 en toda España. En 2017 houbo unha supervivencia do 82,8%.
En Galicia, no 2018, diagnosticáronse 47 novas incidencias (22 nenas e 25 nenos), das que 18 producíronse en Pontevedra, sendo a segunda provincia na que se rexistran máis pacientes. En total, en toda a comunidade hai 180 menores afectados, dos que 68 correspóndense coa provincia de Pontevedra.
En canto á distribución do cancro entre a poboación infantil, o máis frecuente é a leucemia, con 308 casos contabilizados (30%), seguido dos tumores do sistema nervioso central (22%), os tumores de cerebro (20%) e os linfomas (13%). Do mesmo xeito que no resto de España, en Galicia e en Pontevedra a leucemia é a enfermidade oncolóxica que máis se diagnostica con 14 casos (5 en Pontevedra), cerebro e linfomas con 7 (3 de cada un na provincia) e ril con 3 (un só en Pontevedra).
A supervivencia de nenos diagnosticados con cancro aos de 5 anos é do 75%. Observouse un aumento do 43% na supervivencia de pacientes diagnosticados desde 1980 ata 2006 e unha diminución do risco de morte aos 5 anos seguintes ao diagnóstico do 50%.
Este venres 15 de febreiro é o Día Mundial contra o Cancro Infantil. Por este motivo, o Pazo Provincial, trala solicitude da Asociación "Nico contra el cáncer infantil", iluminarase desde a noite do xoves e ata primeira hora do sábado de amarelo, a cor do ouro, que simboliza a fortaleza e resistencia das crianzas que se enfrontan a esta enfermidade e das súas familias.