A Garda Civil intervén 5 quilos de cocaína e medio quilo de heroína
Por Oskar Viéitez
O Equipo de Delincuencia Organizada e Antidrogas da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil da Coruña, EDOA, procedeu á detención de 4 homes como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, tráfico de drogas. Tamén se ordenou a procura e detención doutros dous individuos.
A investigación de iniciou o pasado mes de marzo de 2018, cando a Garda Civil comezou a sospeitar que un veciño da localidade de Sada podería estarse desprazando ata a localidade de Vilagarcía para obter substancias estupefacientes que posteriormente distribuiría a distintos puntos do país.
Das investigacións policiais realizadas polo EDOA e tras efectuar 4 entradas e rexistros en domicilios de Sada, Viveiro, Vilagarcía e Bilbao, concretamente na localidade de Sopelanas, lográronse intervir 5 quilos de cocaína, medio quilo de heroína, 118.000 euros en metálico e 4 vehículos de gama medio-alta. Tamén se puido constatar a distribución das substancias ilícitas a distintas comunidades.
As dúas primeiras detencións producíronse en Bilbao, cando se sorprendeu in fraganti ao veciño de Sada realizando unha transacción de 5 quilos de cocaína, polo que posteriormente realizouse unha entrada e rexistro en Sopelanas, onde se achou medio quilo de heroína e diñeiro en metálico.
Seguidamente produciuse a detención doutro receptor en Viveiro e da parella do vendedor no seu domicilio de Sada.
A pesar de que só un dos autores dos feitos tiña un traballo legal, púidose observar que todos detidos levaban un nivel de vida incompatible cos seus ingresos, que consistía no aluguer de chalés, compra de vehículos de alta gama, viaxes ou restaurantes de luxo.
A operación continúa aberta á espera de novas detencións. Dilixencias Xulgado de Instrución número 4 de Betanzos.