Un erro na medición obriga a volver sacar a licitación o proxecto do Priorado de Arra
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo informou da detección dun erro na medición no proxecto do Priorado de Arra.
Este fallo obriga a parar a licitación e facer de novo estas medicións para modificar o proxecto e volver sacalo a licitación.
As obras de rehabilitación teñen un orzamento de 185.000 euros, que serán financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Esta casa é unha edificación de carácter tradicional, actualmente sen uso, que no seu momento foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co Mosteiro de Armenteira.
Van acondicionar na planta baixa un local de ensaios, dous locais para asociacións, un terceiro local a modo de almacén, aseos masculinos e femininos, un distribuidor e un alpendre.
Na primeira planta farase unha sala de usos múltiples, un despacho, un almacén e un vestíbulo. Entre as dúas plantas suman unha superficie útil de 480 metros cadrados.
Ademais, a edificación dispón dun patio interior ao aire libre, que poderá ser utilizado para a realización de actividades no exterior.
Con esta terceira fase, e as dúas anteriormente realizadas, súmase un investimento total na casa de 399.000 euros. Recentemente levou a cabo unha actuación importante, que consistiu na restauración da cuberta e os muros de cerramento da edificación, na que se investiron 190.000 euros.
Ademais, instaláronse xanelas e portas cun orzamento aproximado de 24.000 euros.