Nova convocatoria das axudas da Xunta e da Deputación para a promoción da igualdade
Por Redacción
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo este xoves unha xuntanza coas persoas responsables e persoal técnico dos concellos da área territorial da Delegación de Pontevedra para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, que este xoves publica o Diario Oficial de Galicia.
As subvencións están cifradas este ano en máis de 5,3 millóns de euros.
A convocatoria deste ano ofrece un programa de nova creación de sensibilización, información e difusión sobre prevención da violencia contra as mulleres.
Ao abeiro destas axudas, ademais, subvenciónanse programas de fomento da conciliación, prevención e tratamento integral da violencia de xénero, e apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).
DEPUTACIÓN
A partir deste xoves e durante un mes os concellos de menos de 20.000 habitantes tamén poden presentar a solicitude para optar ás subvencións da Deputación de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.
As axudas para concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero serven para que os municipios máis pequenos, ao longo deste ano, poidan desenvolver proxectos, programas e actividades para a igualdade real entre homes e mulleres e para a loita contra as violencias machistas. É unha liña de axudas que neste 2019 conta cun financiamento de 220.000 euros.