Como axudar a quen perdeu un ser querido por suicidio?
Por Olaya Madrigal
En 2016, o último ano do que existen datos comparables, as cifras do INE posicionaban a Galicia á cabeza de comunidades segundo a súa tasa de suicidios. As cifras indican unha morte cada dous días, converténdose nunha problemática merecedora de atención. Trala morte, as persoas da contorna con frecuencia teñen problemas para dixerir o suceso e a sociedade ten moi poucos medios para axudalas. Ante isto, o Centro de Escucha San Camilo de Pontevedra decidiu impartir un curso de sensibilización e colaboración coas persoas afectadas.
O Centro de Escucha San Camilo de Pontevedra é, segundo os seus propios organizadores, un servizo confidencial, aconfesional e gratuito de acompañamento a persoas en duelo pola perda dun ser querido. Está promovido polas Delegacións Diocesanas de Pastoral da Saúde e Apostolado Seglar da Archidiócese de Santiago de Compostela e enmarcado dentro da Red de Centros de Escucha do Centro de Humanización de la Salud de los Padres Camilos, que actualmente conta con 31 centros en territorio nacional.
O primeiro centro en Galicia apareceu en Pontevedra en 2017 e está formado por 14 voluntarios, cuxos esforzos van principalmente en tres direccións: por unha banda, os encontros de escoita para persoas que perderon a un ser querido; por outra, a realización de charlas e talleres de divulgación e concienciación relacionadas co tema da morte e os duelos que provoca e, por último, a impartición de cursos especializados en áreas concretas, sempre relacionados coa axuda a persoas en estado de confrontación.
Marina Hernando, responsable do centro de Pontevedra, e Valentín Rodil, psicólogo e voluntario, compareceron este xoves para anunciar o 5º curso especializado impartido en Pontevedra dende a súa formación e que se realizará nesta fin de semana. O tema que abrangue, nesta ocasión, é o do suicidio. Nel, anticípanse a ruptura de estigmas relacionados coa cuestión, o fomento da sensibilización e capacidade de acompañamento e escoita, así como medidas para detectalo e prevelo.
O curso impartirase o venres 15 (de 17:00 a 21:00) e o sábado 16 (de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00) e terá un custe de 40 euros. O número de prazas está limitado mediante orde de inscripción.