Jorge Cubela, designado como cabeza de lista do PP de Cerdedo-Cotobade para as eleccións municipais
Por Redacción
O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade e do PP local, Jorge Cubela, volverá ser a cabeza de lista dos populares nas eleccións municipais de 2019.
Será a terceira vez que se presente ás eleccións, a primeira desde a fusión dos dous territorios, despois de que comité executivo local aprobara por aclamación a súa candidatura nunha reunión extraordinaria celebrada onte á noite no Hotel Chola, en Santa María de Sacos.
"É unha honra ter un apoio tan grande dos meus compañeiros, aínda que tamén me xera, se cabe, aínda unha maior responsabilidade", recoñeceu Cubela tras a súa elección, algo que en todo caso "asumo con gusto para seguir co proxecto de modernización deste gran concello, que ten algo máis de dous anos de vida e que debe continuar por esta liña", defendeu.
Tras este trámite Jorge Cubela, xunto ao comité executivo local, preparará a súa presentación oficial, que posiblemente teña lugar no mes de marzo, co obxectivo de conformar unha candidatura "plural que represente a todas as sensibilidades tanto do partido como da veciñanza de Cerdedo-Cotobade", sinalou o actual presidente municipal.
O acto contou coa presenza do presidente provincial do partido, Alfonso Rueda, que defendeu o traballo realizado nos últimos anos no municipio.