Maís de 100 homes, investigados na provincia por quebrantar as medidas de alonxamento en 2018
Por Redacción
A Garda Civil sinala que durante 2018 se detiveron ou se investigaron 89 persoas na demarcación territorial da provincia de Pontevedra por non respectar as medidas de afastamento en relación coas súas exparellas. Na maioría dos casos, trátase de homes con antecedentes policiais.
Os quebrantamentos de condena foron na maioría de ocasións de ordes de afastamentos ou comunicacións decretadas polo xuíz en casos de violencia de xénero. Os efectivos da Garda Civil detiveron ou investigaron a estas persoas, segundo os casos, por atoparse polas inmediacións do domicilio, centros de traballo ou lugares frecuentados polas súas exparellas e sobre os que tiñan a prohibición de achegarse a menos 100 ou dos 50 metros. Tamén se rexistran casos por poñerse en contacto con elas a través de vía telefónica, mediante chamada ou mensaxe, ou a través da internet.
A maioría de actuacións policiais por parte da Garda Civil por quebrantamentos das ordes de afastamento en violencia de xénero rexistráronse nos municipios de Ponteareas, con once casos; Poio e Cambados, con nove; Gondomar con 6; e Bueu e Cangas do Morrazo, con cinco cada un.
Ademais, tamén se rexistraron detencións ou investigacións penais por quebrantar ordes xudiciais de protección e afastamento das vítimas de violencia doméstica. A Garda Civil, durante 2018, no seu ámbito territorial de competencia procedía á detención ou investigación dun total de 16 persoas por quebrantar as medidas cautelares decretadas polos xuíces nos casos de violencia doméstica.
Neste caso, rexistráronse 4 intervencións en Soutomaior; 2 no Grove e Sanxenxo e un nos municipios de Baiona, Bueu, Cangas, A Guarda, Poio, Ponteareas, Salvaterra e Valga.