Calorosa despedida ao coronel Jorge González como xefe da Comandancia
Por Redacción & Mónica Patxot
O coronel Jorge González Veiga, desde hai un mes oficialmente ex xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, recibiu este mércores unha calorosa despedida por parte dos seus antigos compañeiros, de responsables doutros corpos policiais e militares e de numerosas autoridades coas que traballou de xeito conxunto durante o seu pouco máis dun ano á fronte da Garda Civil na provincia.
A Finca Batacos de Pontevedra acolleu a comida de despedida coa que quixeron non tanto dicirlle adeus como renderlle homenaxe con motivo do seu paso á reserva activa e celebrar con el un encontro distendido. Non faltaron os agasallos por parte das distintas autoridades presentes.
Entre os asistentes non faltaron a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e a súa antecesora, Ana Ortiz; o actual xefe en funcións da Comandancia, o tenente coronel Manuel Touceda; a actual comisaria xefe da Comisaría da Policía Nacional e o seu antecesor, Estíbaliz Palma e Manuel Bouzas; ou os xefes actual e anteriro da Policía Autonómica en Pontevedra, Pablo Álvarez Montesinos e José Manuel Sánchez, respectivamente.
Tampouco faltaron o ex delegado do Goberno en Galicia e actual director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e, do ámbito político, os alcaldes de Pontevedra e Sanxenxo, Miguel Anxo Fernández Lores e Telmo Martín; ou os deputados provinciais Santos Héctor e Ángel Rivas.