Fiscalía investiga dous policías locais por manipular semáforos en Pontevedra
Por Redacción
Dous axentes da Policía Local de Pontevedra serán investigados pola Fiscalía, acusados de manipular semáforos na cidade o pasado 31 de decembro, durante a celebración da carreira deportiva de San Silvestre.
A denuncia foi trasladada á Fiscalía pola xefatura da Policía Local, despois de que o seu responsable informase os axentes dos feitos que se lle atribúen e lerlle os seus dereitos. A pesar de que o ministerio público asegura non ter recibido a documentación, fontes municipais aseguran que si se remitiu. O expediente trasladado a sede xudicial está visado polo rexistro de entrada do xulgado de garda e da propia Fiscalia o pasado 29 de xaneiro.
O informe que acompaña á denuncia, segundo puido saber PontevedraViva, acredita a existencia de indicios máis que suficientes de que estes dous axentes cometeron un delito penal, por iso é polo que o caso chegase ata a Fiscalía.
A manipulación dos semáforos produciuse de maneira manual e non no sistema informático que os controla. Desde o Concello evitaron enmarcar esta actuación nun intento de boicot á proba, pero si recoñecen que agravou a circulación na cidade.
Este feito iría máis aló dunha sanción administrativa, explican fontes municipais, xa que de confirmar o xuíz esta actuación supostamente irregular, os axentes poderían enfrontarse mesmo a penas de cárcere.
Desde o ámbito xudicial apuntan que este feito sería constitutivo de polo menos dous delitos, un contra a seguridade do tráfico e outro por falsidade documental. Ambos estarían agravados polo feito de ser cometidos por un funcionario público
Desde hai meses, os axentes da Policía Local manteñen un enfrontamento co Concello e reivindican unha serie de melloras laborais e salariais que, por agora, non foron atendidas polo goberno municipal.