Carmela Silva denuncia a "estratexia de difamación" ideada polo PP
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, afirmou que "se alguén dubida da miña honorabilidade e da miña traxectoria política intachable xa sabe onde ten que ir e alí nos veremos". É a resposta da mandataria provincial á esixencia de dimisión formulada polo Grupo Municipal Popular de Vigo tras a condena de cárcere imposto a un alto funcionario municipal implicado no 'enchufe' da cuñada de Carmela Silva.
Atendendo ás preguntas dos xornalistas en Pontevedra, a presidenta provincial precisou que "esta vai ser a primeira e a última vez" na que fala sobre este tema "que non ten nada que ver comigo" xa que "eu na miña vida estiven imputada, nin investigada, nin sequera fun chamada a declarar como testemuña".
Tras indicar que "os xuízos paralelos son algo propio do fascismo", Carmela Silva denunciou ao Partido Popular por "esta estratexia de difamación, de mentiras tóxicas, de confrontación total, de tentar acabar co adversario político tal e como estivésemos nunha campaña bélica".
Segundo Carmela Silva esta "estratexia terrible" do Partido Popular "idéase nos despachos escuros do señor Feijóo e do señor Rueda" e sinalou que é unha táctica "propia de xente que ten pouca calidade democrática" e engadiu que se debe "a que están desesperados pola brutal caída electoral do Partido Popular e xa lles vale todo".
Carmela Silva reiterou que non volverá falar deste asunto porque "me teño que dedicar a gobernar para a xente e seguir construíndo unha nova Deputación que rompa con aquela Deputación dos caciques da política clientelar e que converteu á Deputación de Pontevedra é unha administración da que avergoñarse", concluíu.
Relacionadas:
-
O PP leva ao pleno municipal o caso da cuñada de Carmela Silva
Por Anxo Lourido |
-
Os populares piden ao BNG que esixa a dimisión de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide no pleno da Deputación que Carmela Silva explique o suposto "enchufe" da súa cuñada
Por Oskar Viéitez |
-
O PP leva á Deputación o suposto "enchufe" da cuñada da presidenta
Por Oskar Viéitez |