Máis de 5.500 pacientes da área sanitaria sumáronse á plataforma dixital É- Saúde
Por Redacción
Máis de 5.500 pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés adheríronse xa á plataforma dixital É-Saúde, a ferramenta do Servizo Galego de Saúde que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a Internet.
É-Saúde posibilita a pacientes e cidadáns consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de TAO (sintróm), os informes de alta, informes de probas diagnósticas ou informe do calendario de vacinacións infantís, entre outras prestacións directamente dende o seu móbil, ordenador ou tablet con conexión a Internet e dende calquera punto da xeografía.
A plataforma tamén permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais. O paciente, dende o seu propio teléfono móbil, pode consultar cando recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programadas.
A través desta plataforma tamén se permite o acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para cidadáns e dos cursos xestionados polas asociacións de pacientes.
Así mesmo, a través de É-Saúde pódense consultar servizos ou participar nas comunidades entre o persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que permitan contactar con outros doentes cos que compartir dúbidas, recomendacións de hábitos de vida, etc. Todo iso coa garantía de ter a información albergada no servidor do Servizo Galego de Saúde, que avala a súa seguridade xurídica e tecnolóxica.
Ademais, É-Saúde permite que os pais, nais e titores de menores de idade ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente no caso dos maiores, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo. Este acceso delegado posibilita xestionar de modo máis directa e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto.
Poden facerse usuarias de É-Saúde as persoas que reciban asistencia sanitaria pública en centros da área sanitaria e que dispoñan de tarxeta sanitaria do Sergas. Para facelo, deben acceder á páxina web da plataforma e crear unha conta cubrindo un formulario.
Para garantir a seguridade de datos persoais e clínicos, os usuarios que así o desexen deberán achegarse ao seu centro de saúde, onde lles tramitarán as xestións pertinentes.