Marín quere cubrir dúas prazas da Policía Local neste 2019
Por Redacción
Este martes, no Concello de Marín desenvolvíase a Mesa de Negociación para tratar a nova proposta de Oferta de Emprego Público para este 2019. O goberno local propón a cobertura das dúas prazas da Policía Local xeradas, en virtude das vacantes rexistradas e tendo en conta unha taxa de reposición legal do 100%.
Tamén se estuda a opción de cubrir tres prazas máis do resto do persoal municipal, debido a que este ano se xubilaron tres funcionarios.
Neste encontro tamén se debateu sobre a xornada laboral acordada de 35 horas, para establecer o horario que se decida. A proposta de incremento do cumprumiento da Relación de Postos de Traballo, que foron aprobadas e que ano a ano se trata de acordar establecéndose os parámetros susceptibles de incremento no complemento específico de cada posto.
No mes de xaneiro, segundo indica o goberno local de María Ramallo, xa se fixo efectivo o incremento do 2,25%, tal e como se establece na Lei de Orzamentos Xerais do Estado.
Este mes está previsto que se manteña unha nova xuntanza para tentar acadar un acordo entre o equipo de goberno e os representantes sindicais sobre os puntos tratados.