Deportistas da asociación Xoán XXIII chequean a súa saúde no hospital Quirónsalud
Por Redacción
Un grupo de deportistas da asociación Xoán XXIII realizou un completo recoñecemento médico no hospital Quirónsalud Miguel Domínguez para chequear a súa saúde e comprobar se poden adestrar e competir de forma segura.
Tras este recoñecemento, está previsto que os deportistas participen en distintas competicións organizadas pola Federación Galega de Deporte Adaptado, nas modalidades de Atletismo, Ximnasia de Mantemento, Natación e Fútbol sala.
Segundo informou Quirónsalud, o hospital colabora de maneira desinteresada co club polideportivo da asociación para promover a práctica deportiva en boas condicións de saúde e nesa colaboración enmárcase este último recoñecemento.
Ao termo do recoñecemento, unha das persoas sometidas ao mesmo, José María Sanmartín, destacou a importancia que a práctica de deporte ten para as persoas con algunha discapacidade. "Gústame ir adestrar porque mo paso ben cos meus compañeiros e, cando vou competir, coñezo a xente nova", sinalou.
A asociación Xoán XXIII está dedicada á formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual. Representantes da entidade explicaron ao equipo do Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez que a práctica deportiva representa "algo máis que un adestramento", xa que, fomenta "valores persoais como o esforzo, a autonomía, o liderado e valores sociais como a empatía, a cooperación ou a axuda aos demais".