Un interno da Lama aproveita un permiso penitenciario para quedar co coche dun compañeiro de cárcere
Por Natalia Puga
Un home que en xullo do ano 2017 estaba a cumprir condena no cárcere da Lama e a día de hoxe atópase no penal coruñés de Teixeiro recoñeceu este martes ante o xuíz que aproveitou un permiso penitenciario para apropiarse de forma indebida do vehículo dun dos seus compañeiros tamén encarcerado.
O home declarou por videoconferencia desde o centro penal de Teixeiro ante o Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra nun xuízo que se saldou cun acordo de conformidade polo que será condenado a seis meses de prisión como autor dun delito de apropiación indebida.
O xuíz Juan José Trashorras condenarao coa súa conformidade tras recoñecer os feitos e impoñeralle, ademais dese medio ano de privación de liberdade, a obriga de devolver ao seu propietario o vehículo Peugeot 307 do que se apropiou e de facerse cargo do pago dos gastos da súa reparación, pois durante o tempo en que o tivo no seu poder causoulle danos.
Segundo o mesmo recoñeceu, durante a súa estancia na Lama fíxose amigo doutro interno do mesmo centro e comentaron entre eles que este último era propietario dun vehículo Peugeot 307. O coche tiña uns danos de chapa e pintura nun lateral e o agora acusado comprometeuse a que, cando saíse de permiso, levaríallo ao taller dun amigo para reparalo por un prezo moi económico.
En función dese compromiso previo, aproveitou un permiso de saída do penal e o 10 de xullo de 2017 achegouse ao domicilio do seu compañeiro en Vigo. A súa compañeira sentimental entregoulle as chaves do vehículo, pero el non cumpriu a súa parte do trato e, unha vez que tivo o vehículo no seu poder, non o levou ao taller como tiña acordado co seu compañeiro, senón que quedou con el. Deixouno estacionado nunha leira aberta ao público, con acceso directo desde a vía principal situada xunto á vivenda da que entón era a súa compañeira sentimental.
Ademais, esa mesma tarde do 10 de xullo utilizou o vehículo a pesares de non ter carné, saíndose da estrada cando circulaba por Gondomar, golpeando levemente o frontal do automóbil coa cuneta e causándolle danos.
O Peugeot 307 foi localizado pola Garda Civil na leira do Porriño antes referida cinco meses despois, o 26 de decembro de 2017.