Ponte Caldelas lamenta que a falta de apoio da Xunta imposibilite executar grandes proxectos de saneamento
Por Oskar Viéitez
O Goberno local de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) lamentou que a falta de apoio da Xunta imposibilita executar grandes proxectos de saneamento no municipio.
O Concello ven de completar o saneamento municipal do lugar do Peto, en Cuñas, despois de rematar unhas obras longamente demandadas.
A veciñanza, que recibiu este martes a visita do alcalde, Andrés Díaz, subliñou a tranquilidade que supón contar con saneamento para a integridade dalgúns pozos de subministro de auga.
O Goberno municipal caldelán destaca que, diante da "falta de apoio da Xunta de Galicia", está "imposibilitado" para executar grandes proxectos de saneamento, toda vez que requiren dun forte investimento que escapa das posibilidades dun concello rural. Mentres tanto, amosa a súa disposición para executar pequenos proxectos que permitan o enganche de vivendas que no seu día quedaron fóra das redes executadas. E sempre que sexa tecnicamente posible.
Dende o Concello denuncian que Augas de Galicia recadou preto de 250.000 euros ao longo do actual mandato municipal en concepto de canon de saneamento (imposto finalista destinado a financiar obras hidráulicas en Galicia) e o municipio de Ponte Caldelas, lamentablemente, non viu que se investira un só euro ao longo deste tempo. O único que intentaron facer neste tempo, lamentan dende o Concello, foi o transvasamento do río Verdugo.