Tres persoas feridas nunha colisión frontal entre dous vehículos en Estribela
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
Tres persoas resultaron feridas este luns nunha colisión frontal entre dous vehículos en Estribela.
Segundo informaron os Bombeiros de Pontevedra o sinistro tivo lugar ao redor das dez da noite na Avenida de Montero Ríos, á altura do supermercado Bikocas.
O accidente consistiu nunha colisión frontal entre dous vehículos, nun Volkswagen Polo en dirección a Marín viaxaban dúas mulleres, e no outro coche, un Citroën Saxo en dirección a Pontevedra, ían os dous mozos que resultaron feridos.
Segundo explicaron á Policía Local de Pontevedra testemuñas do accidente, o Citroën no que ían os homes invadiu a gran velocidade o carril contrario despois de esquivar a outro vehículo no cruce.
Dúas ambulancias, unha medicalizada e outra asistencial, atenderon aos feridos e trasladáronos a un centro hospitalario.
Efectivos do 061, nun primeiro momento, indicaron que o ferido máis grave é o home que conducía o Citroën Saxo que tiña o fémur roto, entre outras feridas, o seu acompañante tamén presentaba contusións de diversa consideración. En canto ás dúas mulleres, nai e filla, a primeira tiña unha forte dor torácica e a filla saíu ilesa.
Nun primeiro momento o Citroën Saxo comezou a arder pero a intervención dos Bombeiros extinguiu rapidamente as chamas. Como consecuencia do forte impacto os coches quedaron totalmente esnaquizados.