Tres mulleres e unha menor feridas ao invadir unha moto a beirarrúa na rúa Eduardo Pondal
Por Redacción
Unha motorista atropelou tres persoas, dúas mulleres e unha menor, despois de invadir a beirarrúa.
Fontes da Policía Local informaron que a motocicleta ía adiantando a uns vehículos cando, ao chegar a un paso de peóns, tratou de esquivar a unha persoa que cruzaba e foise contra o lateral invadindo a beirarrúa levando por diante a dúas mulleres e unha menor.
Os tres peóns e a muller que pilotaba a motocicleta resultaron feridos no suceso, que tivo lugar na rúa Eduardo Pondal, debaixo da ponte da Avenida de Vigo, minutos antes das 9:00 da mañá deste martes.
Ao lugar achegáronse efectivos de urxencias médicas en dúas ambulancias do 061, asegurando tras unha primeira valoración que as tres mulleres e a menor non se encontran en estado grave, aínda que requiriron o seu traslado a centros hospitalarios ao ser necesaria atención médica.
En concreto a menor implicada no accidente e dúas mulleres de 33 e 37 anos foron trasladadas ao Hospital Miguel Domínguez con lesións leves (recibiron a alta médica ao pouco tempo), mentres unha muller de 28 anos tivo que ser evacuada en ambulancia medicalizada a Montecelo.