Regresan os raposos á Finca do Teucro, esta vez en parella
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/484/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5c61a8076d-78d33117-d4bc-4c01-a59d-86de004242f7.jpg)
© Paula Martín Delgado
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/bda/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0knKLynJz1WyrgUA_/5c61ba1644-20190211-patxot-finca-zorros-016.jpg)
© Mónica Patxot
A veciñanza que reside nas vivendas situadas na contorna da Finca do Teucro, entre as rúas Arcebispo Malvar e a avenida do Uruguai observou a presenza de dous raposos nestas instalacións. Este terreo é empregado durante a Feira Franca como aparcadoiro. Segundo os veciños, nesa época é cando se acomete a limpeza do recinto, que é de propiedade privada.
Fai case seis anos, en outubro de 2013, os veciños tamén alertaban da presenza dun animal desta especie nesta mesma localización. Cinco meses máis tarde volvía ser visto en solares abandonados do campillo de Santa María, chamando a atención das persoas que camiñaban por esta contorna.
Os dous animais vistos estes días mostran bo aspecto e contan cos apróximadamente 70 centímetros de lonxitude corporal, tamaño habitual nestes mamíferos. Estes exemplares adoitan achegarse ás zonas urbanas para tentar obter alimento e cazan ratas e gatos. Os veciños comentan que, neste solar, tamén deixan un cabalo, de cando en vez, para que se alimente coas herbas e silvas que se atopan nesta zona.
O raposo adoita saír do seu tobo durante a noite e, aínda que é un animal de costumes solitarios chega a vivir en parella de maneira permanente. Tamén en época de celo, durante o inverno, vive aparellado.