Estudan acometer obras de reforma no colexio Conmeniño do Grove
Por Redacción
O Concello do Grove abordou coa dirección do colexio Conmeniño a posibilidade de abordar diversas obras de reforma nas instalacións.
Así, a comunidade escolar solicitou o cambio de fiestras e, prioritariamente, das portas de acceso ao colexio xa que se atopan en moi mal estado.
Ambas cuestións serán valoradas e acometidas en breve xa que pode facerse fronte ás mesmas cos orzamentos municipais actuais.
Nas últimas semanas xa se realizaron traballos para reparar o muro da ala norte que linda co pavillón de deportes do colexio.
Trátase dunha obra que tivo que ser realizada tras a caída do mesmo logo dos temporais deste inverno e que supuxo a construción dun novo muro cunha mellor fixación e coa incorporación dun valado metálico.
A reparación tivo un custo de 4.700 euros, sufragados integramente con orzamentos municipais dentro dos fondos destinados ás melloras dos centros de ensinanza.