A Xunta presenta en Pontevedra as axudas para a mellora de aloxamentos turísticos
Por Redacción
A Xunta presentou este luns en Pontevedra a nova convocatoria de axudas que acaba de abrir en relación ao Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos.
Ao encontro asistiron representantes do sector turístico e a secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, o subdirector Xeral de Emprego, Juan Lirón Lago, e a técnica responsable de programas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Carla García Valcarce.
A Xunta presentou dúas ordes dotadas con 4 millóns de euros coa previsión de que poidan beneficiar a 550 establecementos galegos incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas do sector. Deberán acreditar unha antigüidade na actividade non inferior a cinco anos.
Fundamentalmente se subvencionan cuestións como a mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras; mellora nas instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade; para incrementar a categoría do establecemento; para a posta en marcha de medidas de aforro enerxético e de embelecemento do aloxamento, así como a renovación dos equipamentos mobles necesarios.
Ademais, entre os criterios de valoración atópanse tamén o grado de investimento, o impacto no emprego, o tamaño da entidade e que estean en posesión tanto dalgún certificado de calidade para o sector turístico como dalgunha certificación ambiental internacionalmente recoñecida. Finalmente, terase en conta que a empresas solicitantes teñan implementados un plan de igualdade ou de formación.
O investimento neto admitido por cada proposta será de ata 100.000 euros. Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o 35% sobre o orzamento do investimento subvencionable.
O Plan MAT comprende preto de vinte liñas de axudas a través de subvencións e instrumentos financeiros.
Igualmente, vai acompañado de numerosas actuacións tales como a creación dun mapa interactivo de axudas que permita ao sector coñecer polo miúdo os recursos dispoñibles; actividades formativas, xornadas de networking, encontros informativos con expertos, difusión de boas prácticas, recoñecemento e distinción da excelencia ou cursos de especialización, entre outros.
Relacionadas:
-
Galicia, ante o reto de prepararse para as "oportunidades" turísticas do AVE e o Xacobeo 2021
Por Alejandro Espiño |
-
Os hostaleiros da provincia xúntanse en Pontevedra para entregar os seus premios anuais
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
'A máxica Pontevedra' faise oco na revista Viaxes National Geographic
Por Redacción |