Rebordelo construirá o seu depósito de auga no primeiro semestre do ano
Por Redacción
Cun investimento de 29.000 euros, o Concello de Cerdedo-Cotobade prepárase para construír o novo depósito de auga de Rebordelo. A actuación, integrada no plan de investimentos para a parroquia, comezará no primeiro semestre do ano.
Esta iniciativa enmárcase no plan municipal de loita contra a seca, que inclúe principalmente a instalación de 25 novos depósitos -algúns dos cales xa están feitos- por todo o termo nun período de tres anos.
Ademais, renovarase de xeito integral a pista do Pozo Negro despois de comprobar novamente o seu estado, bastante deteriorado polo envellecemento dos materiais, a afección da climatoloxía e o tráfico.
Esta actuación, que incluirá o perfilado e mellora do trazado así como a dotación dunha nova capa de rodaxe, terá un investimento de 30.000 euros, que serán financiados ao abeiro dun plan da Consellería de Medio Rural.
A terceira gran actuación na parroquia de Rebordelo será a execución de certas melloras na Casa do Pobo, por importe de 30.000 euros, ao abeiro do Plan de Centros Veciñais 2019, co que se pretende, ao remate deste ano, ter construídos ou reformados todos estes recintos sociais do territorio de Cotobade.