Poio reclama á Xunta que advirta con sinalización do corte parcial da ponte da Barca
Por Oskar Viéitez & Olaya Madrigal
A ponte da Barca, en Pontevedra, queda desde este luns con carril único. Estará cortado a diario dende as nove e media da mañá ata as oito da tarde (alomenos nos días laborables). A medida alargarase ata que conclúan os traballos, aproximadamente un mes.
Este luns foi o primeiro día de aplicación da medida. Foi ás dez desta mañá, quedando o tráfico no viaduto só de saída da cidade, é dicir, só é posible circular desde Pontevedra cara a Poio.
O corte púxose en marcha con normalidade, sen que se rexistraran retencións.
A Consellería de Infraestruturas adoptou esta medida polo atraso das obras de rehabilitación.
Os condutores que chegan ata a ponte únicamente atopan un cartel que indica o corte por obras e desvía os vehículos pola avenida de Domingo Fontán (rotonda de Bombeiros).
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, lamentou a falta de información por parte da Xunta que non ten contemplado un plan de tráfico, nin puxo sinalización, nin avisou ás empresas de transporte escolar nin aos colectivos afectados.
Luciano Sobral pedirá á Xunta que sinalice con carteis uns itinerarios alternativos. Suxeriu, coma exemplo, aos condutores procedentes de Sanxenxo, para que tomen a Variante Norte polo Mosteiro de Poio, ou na rotonda de Andurique, o desvio pola Caeira. Igualmente advertindo do corte na rotonda de Bombeiros ou no ramal de entrada da AP-9 en Portosanto e recomendando que se empregue a saída Sur da autoestrada pola ponte das Correntes.
Raimundo González, voceiro do Goberno local de Pontevedra, pediu á Xunta que manteña informadas ás policías locais de Pontevedra e de Poio das medidas de tráfico que adopta. Dende o Concello capitalino recomendaron á Xunta o corte total da ponte para acelerar os traballos.
Pola súa banda o voceiro do PP no concello de Poio, Ángel Moldes, que expresou a súa preocupación "pola desaparición do alcalde de Poio" ante as queixas da veciñanza por este corte de tráfico. "Cada vez que o alcalde de Pontevedra toma este tipo de decisións unilaterais parece que non quere levarlle a contraria ou contradecilo", dixo o voceiro popular.
Para Ángel Moldes esta medida é "unha estratexia do señor Lores e do señor Mosquera" para que os veciños "se acostumen" durante un tempo a circular cun sentido único "para que o día de mañá sexa máis doado facer ese corte" de xeito permanente.
No PP de Poio están convencidos de que o corte da ponte era evitable e cren que é "unha imposición de Pontevedra" afirman que as molestias aos veciños polos ruidos nocturnos non se dan traballando na parte de Poio.
"Parece que o alcalde de Pontevedra quere secuestrar os veciños de Poio con ese peche da ponte da Barca", conclúe o PP.