A 53 edición da Festa da Troita xa ten calendario definitivo

Por Redacción
A 53ª edición da Festa da Troita xa ten calendario definitivo. O programa arrancará o 21 de abril, domingo, na Fraga para rematar o 19 de maio, tamén domingo, na Alameda de Ponte Caldelas. O Goberno local pechou definitivamente o calendario, que este ano dá comezo significativamente máis cedo para esquivar a coincidencia coas Eleccións Municipais, programadas para o 26 de maio.
O alcalde, Andrés Díaz, mantivo unha xuntanza coa Asociación de Amigos da Troita, o equipo que se ocupa do desenvolvemento das 28 xornadas (26 delas no rural, as dúas finais no centro urbano) nas que consiste a Festa da Troita, e acordáronse as datas definitivas.
A festa crece este ano cunha parada máis, a da Fraga, por petición expresa dunha veciñanza que, ata o de agora, tiña que desprazarse ata Caritel. A de Fraga será a primeira das citas, seguida de Forzáns, A Esfarrapada, Laxoso, A Roca, Xustáns, Vilarchán, Silvoso, Rebordelo-Coveliño, Tourón, Pazos, Buchabade, Anceu, Chaín, A Reigosa, Taboadelo, Paradela-Gradín, Parada, Contixe, Barbudo, Cuñas, A Insua, Baltar, Caritel e Mirón, por orde de celebración. O remate final será, como é habitual, en Regodobargo.
O ano pasado consumíronse 1.500 Kg de troita na Festa da Troita polo rural, alcanzando ás cifras do remate da festa na Alameda. O peixe sérvese fritido ou en escabeche e, por un prezo de 3 euros, inclúense tamén pan e viño. A veciñanza achega doces caseiros e licor café e a festa continúa ata pasada a media noite. Ao remate da degustación, comeza a animación musical a cargo de grupos locais.