A Xunta anuncia a convocatoria "inminente" de 847 prazas de emprego público
Por Redacción
A Xunta de Galicia anunciou este luns a convocatoria de "maneira inminente" de oposicións para cubrir un total de 847 prazas de emprego público na Administración galega.
Serán 15 convocatorias en total que serán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) no prazo máximo dun mes, segundo confirmou en rolda de prensa o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, engadindo que se trata dun proceso "sen precedentes nas últimas décadas".
Na súa comparecencia Barreiro explicou cales serán as convocatorias máis relevantes, como a de 305 prazas para auxiliares de clínica, con obxecto de reforzar principalmente os centros de política social, atención a maiores, ou dependentes. O requisito para poder participar será a titulación de Formación Profesional.
O servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais pola súa banda ofertará 269 prazas, con convocatorias para tres categorías distintas: 102 prazas de condutor, 92 de bombeiro-forestal e 75 de emisoristas-vixiantes.
En terceiro lugar, a Xunta convocará 208 prazas de persoal subalterno, é dicir, empregados públicos que traballan nas consellerías, en centros educativos ou tamén en centros do ámbito dos servizos sociais. Na práctica totalidade destas prazas non se precisará titulación específica para poder participar.
Ademais, convócanse 54 prazas para o ámbito da seguridade e saúde no traballo, a través de sete oposicións en distintas especialidades. E, finalmente, haberá outras 11 prazas para dúas escalas de alta cualificación: sete prazas nas escalas de estatística e outras catro na escala de letrados da Xunta, responsables da defensa xurídica da Comunidade Autónoma.
Desde que se publique a convocatoria ata a realización da primeira proba haberá un prazo mínimo de seis meses.