Bueu mellorará a accesibilidade do Pavillón Municipal Pablo Herbello
Por Redacción
O Concello de Bueu solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para mellorar a accesibilidade no Pavillón Municipal Pablo Herbello.
Trátase dunha actuación que conta cun orzamento de 28.200 euros e que consistirá na construción dunha pasarela que unirá o baixo coa primeira planta, a fin de que as persoas con dificultades de mobilidade poidan acceder a calquera evento deportivo.
O proxecto contempla a colocación da pasarela desde a intersección de Staffan Mörling e a Rúa da Pedra cun tramo exterior e outro interior. Segundo os cálculos do arquitecto municipal, abarcaría unha superficie de 35 metros cadrados fóra do recinto e de 29,4 metros cadrados dentro.
A pasarela será metálica e colocarase ancorada á estrutura vertical da nave existente, repartida en dúas metades.
Esta é a última das actuacións previstas no pavillón municipal, onde recentemente mellorouse a instalación de auga quente, elimináronse filtracións, construíuse un almacén e instalouse unha nova caldeira. Ademais colocáronse novos asentos e cambiáronse as luminarias por outras de tecnoloxía LED.