Mercar no comercio local de Cuntis ten premio
Por Redacción
"Sorteo por compra". Así reza o lema da campaña posta en marcha por Cuntis Comercial Vila Aberta (CUCOVA) co apoio do Concello de Cuntis e que pretende incentivar a compra nos establecementos do municipio.
O alcalde, a presidenta de CUCOVA e o xerente da asociación presentaron a campaña que se puxo en marcha e que ten como premio estrela unha viaxe ás Illas Canarias, concretamente a Tenerife, por valor de 1.365 euros.
Poderá participar na promoción calquera persoa que realice unha compra por importe igual ou superior a 20 euros nun comercio de Cuntis adherido a esta campaña ata o próximo 28 de febreiro.
A viaxe de premio consta dun voo directo ida e volta entre Santiago de Compostela e Tenerife (Sur), con opción a facturar unha maleta, traslados ao hotel e 7 noites nun hotel de 4 estrelas en réxime de media pensión.
O sorteo realizarase o día da Festa do Lacón con Grelos, domingo 10 de marzo, na Praza da Constitución, tras o pregón e ante o público asistente.