Ponte Caldelas prepara unha 'tractorada' para reivindicar a importancia do sector agrario
Por Redacción
Reivindicar a importancia do sector agrario, ademais de crear un evento lúdico ao redor do campo, é o obxectivo da primeira edición da 'Tracotrada de Ponte Caldelas'.
A Asociación de Amigos da Troita, co apoio do Concello, está detrás da organización da quedada tractoril, que se celebrará o domingo 24 de marzo.
Trátase dunha iniciativa impulsada por un mozo traballador autónomo do municipio, Carlos Couselo, e contará con competicións, unha exposición e tamén premios para os tractores máis singulares.
A idea, explican, xurdiu no marco das revisións obrigadas da ITV agrícola que se realizan anualmente en Ponte Caldelas. Alí xúntanse tractoristas e tamén veciños nunha xornada da que gozan especialmente.
"A nosa intención é que igual que hai concentracións de motos ou de coches clásicos, tamén haxa unha quedada de tractores e que veña xente de toda Galicia a pasalo día nun ambiente san e de camaradería", sinalou Couselo.
A Tractorada, que abrirá proximamente o prazo de inscrición, incluirá un concurso de habilidade ao volante e tamén competicións de tiro, nas que dous tractores enfrontaranse cunha cadea polo medio. As probas terán lugar na chaira de Chan da Barcia. Ademais barállase a inclusión dunha exposición de maquinaria nova, a cargo de concesionarios, na Alameda, e finalmente a exposición dos tractores participantes será na Praza de España.
A organización outorgará premios aos gañadores e tamén entregará obsequio ao tractor chegado desde máis lonxe, ao máis fermoso e ao máis antigo.
O Concello pola súa banda aproveitará o evento para homenaxear aos 30 tractoristas locais que ao longo dos meses de outubro e novembro de 2017 colaboraron de maneira altruísta repartindo palla polos montes afectados polos incendios.