Marea Marín presenta o tramo inicial da súa candidatura para as eleccións de maio
Por Redacción
Marea Marín presentou este venres oficialmente o primeiro tramo da lista electoral que concurrirá ás eleccións municipais do próximo 26 de maio, unha candidatura encabezada por Aarón Franco Outón e na que ocupan o segundo e o terceiro posto, por esta orde, Estrella Pallín Tato e Cholo Costa.
A primeira parte da candidatura complétana Francis Ignacio Quinteiro (4), Antonio Miguel Suárez Briones (5), Fina Pidre Ferradás (6), Juan Carlos Rosendo Fernández (7) e Lorena Peón Silva (8). Estos oito primeiros membros da candidatura correspóndense, segundo sinalan, coa comisión de goberno que pretenden conformar despois de maio.
Esta candidatura sae do proceso de primarias realizado durante o mes de xaneiro e chega, segundo destacan desde Marea Marín, "despois de catro anos no Concello facendo traballo institucional dabondo". Así, destacan que presentaron 80 iniciativas no pleno fronte ás 40 do Partido Popular, que fixeron un intenso traballo a pé de rúa con ata 60 asembleas veciñais abertas e que xa acumulan un profundo traballo para ensanchar a base social.
Desde a formación sosteñen que tendo en conta que nos últimos tres procesos electorais Marea foi a segunda lista máis votada, e á vista do traballo realizado, son "a alternativa cuantitativa e cualitativa ao Partido Popular e a Ramallo", en referencia á alcaldesa 'popular'.
O seu obxectivo é, segundo avanzan, que Marín recupere o latexo cultural, demográfico e comercial en contraposición ao actual "profundo proceso de parálise". As súas metas están vencelladas ao reodenamento urbano da vila para "acadar mellores e definitivas solucións a problemas esenciais e que vivimos no día a día", tales como a cuestión do aparcamento, do tan prometido auditorio, a creación de espazos para a xuventude ou a promoción de vivenda pública protexida.
Entre os seus obxectivos tamén está crear un comercio local dinámico, atractivo e xerador de emprego, un logro para o que consideran necesario poñer en funcionamento un Plan especial para frear o peche de comercio local e para potenciar tanto o comercio como as prazas de abastos.